Segundo o seu director, o poeta galego Francisco Brives, este filme é "un exercicio de liberdade á hora de enfrontarse coa complexidade dunha rodaxe cinematográfica dende un ponto de vista independente, lonxe da estrutura habitual das grandes rodaxes con equipos a farto.
O traballo actoral foi moi intenso e esixía dunha intimidade que é dificil lograr cun grande equipo. Non descarto en futuros proxectos ter un equipo ao uso, pero nesta obra demandaba un diálogo intimo entre os actores e o seu director que se viu favorecido pola aposta dun equipo técnico reducido. A longametraxe "Nunc et in hora" contou cun equipo escueto e cun orzamento que rolda os 250.000 euros.
"Nunc et in hora" é un intento subxetivo de nomear iso que nos acontece a todos unha vez pechamos a porta e ficamos sós; hai moitas razóns polas que ver esta película comenta o seu director Francisco Brives - "Creo que aqueles que coñecen a dor, van poder verse reflectidos nalgunha das escenas do filme, outros rexeitarán o que lles sexa familiar e poida que ata desexen saír da sala, pero penso que do que fala esta película é daquilo que é importante no ser humano, o que sucede nos espazos onde só nós mesmos somos capaces de viaxar".
Para Francisco Brives a súa obra esta influenciada polos que foron sen dúbida os seus referentes,en "Nunc et in hora" hai un universo persoal que se respira na cinta, pero creo que este universo vai alén de min mesmo e penso que ten trazos de universalidade onde calquera ser sensibel pode reflectirse, é lóxico que cando un creador ten referentes coma Diamanda Galas, Jodorowsky, Tarkovski, Lars Von Trier, o froito da súa obra inevitabelmente vaia dirixida a un público moi determinado e afastado das pantallas comerciais.
14/01/2009 A produtora O Grelo producións finalizou a rodaxe da que sen dúbida é unha obra de marcado caracter experimental, destacando a ausencia de dialogos. "Nunc et in hora", dirixida por Francisco Brives, é unha arriscada aposta polo cinema indie.