O ser humano é o becho máis raro da natureza. Para demostrar esta afirmación seguiremos os pasos de tres curiosos especímenes de bechos raros: José Luis pertence á tribu urbana dos “sinistros”, Raul é un frikie dos video-xogos e Eva unha fervinte adepta á astroloxía. Os tres sofren a marxinación dunha maioría que os rechaza por ser diferentes e lles dificulta a procura de alimento, seguridade e reproducción que guía os instintos de tódolos animais. Cada un deles enfróntase á decisión de cómo vivir a súa condición de raro. José Luís elixe a estratexia do camaleón, esconde a súa verdadeira personalidade e camíflase entre a maioría para non sufrir. Raul, como un lobo solitario, refúxase na súa guarida e se relaciona co mundo a través dunha pantalla de ordenador. Eva busca a calor dunha manda de lunáticos coma ela, entre os que sentirse integrada. Esta é a historia de tres bechos raros habitantes nun ecosistema “normal” que lles é hostil, que elixen tres formas distintas de vivir a súa vida. E precisamente é esa capacidade de elección a que fai do ser humano o becho máis raro da natureza.
Proxecto gañador do concurso estatal de guións para curtametraxes de ficción Compostela Plató, dentro do III Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, CurtoCircuíto’06.
21/10/2006 O acordo de colaboración entre a Consellaría de Cultura e Deporte e o festival CurtoCircuito´06 estabeleceu que a administración comprometeríase en apoiar a produción da curtametraxe gañadora do concurso Compostela Plató, dentro do III Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, CurtoCircuíto´06. Este compromiso atópase na liña de apoiar á produción e a novos creadores no sector audiovisual.