En que fala a mocidade galega e por que? Perviven os estereotipos que marcan os falantes de galego ou de castelán? Existe conflito por culpa da lingua? Que lle falta ao galego para estar normalizado? Que futuro lle espera? Linguas cruzadas é un documental de 50’ que afonda na cuestión sociolingüística a través da xente nova, da primeira xeración da historia que tivo o galego como lingua oficial.
Xente de menos de 30 anos que creceu aprendendo galego na escola e escoitándoo na TVG e na RG. Co convencemento de que as experiencias e opinións desta xeración son clave para entender o estado actual da lingua e os retos para o futuro, o documental recolle as opinións de máis de 35 persoas, centrándonos en 5 personaxes que representan outros tantos paradigmas de falantes na mocidade actual.
1/06/2007 Non son académicos nin lingüistas nin políticos. Non están obrigados a ser correctos nin a quedar ben co tema da lingua, cando menos de maneira consciente, aínda que hai algo nas súas cabeciñas que lles di que o galego está moi ben, que non debería perderse e que o habería que falar máis. Que o falen ou non é outra historia, moi distinta da de seus pais.
16/05/2007 Céntrase na vida de cinco menores de 30 anos que medraron aprendendo galego na escola e escoitándoo na televisión.